logo_a_bdiario recibimos informacións de acontecementos graves que nos impactan: guerras, fame, escravitude, paro, violencia, exclusión… que provocan o éxodo de millóns de persoas.
Seres humanos que fuxen da dor, o sufrimento e a morte, buscando refuxio.

Somos moitas as persoas que queremos actuar pero non sempre sabemos como.
Con esta intención nace Acampa

Acampa

 

14 a 16 de xuño – A Coruña

MANIFESTO: NON TEÑEN ROSTRO NIN CONCIENCIA

Vivimos nun mundo e nun tempo en que cada día nos falan de globalización, como eufemismo dun modelo económico extremadamente agresivo. Pouco e pouco, unha minoría silenciosa e poderosa foise facendo co control da economía, a tecnoloxía, a investigación e dereitos tan vitais como a saúde, a educación, o territorio, a enerxía e a auga. Son as grandes corporacións transnacionais, amparadas por gobernos amigos e o control case absoluto da información.

Non teñen rostro nin conciencia, e non permiten que os organismos internacionais actúen para impedir o sufrimento da maior parte da humanidade. Non perden o sono se o planeta arde ou seca, se se deseñan guerras para acaparar recursos, se se asasina xente inocente ou millóns de persoas teñen que fuxir da súa casa e da súa terra.

A razón explicouna moi ben Rodrigo Rato, o que foi director xerente do Fondo Monetario Internacional e vicepresidente do Goberno español con José M.ª Aznar: «é o mercado, amigo».

Como facer fronte a unha estrutura tan ben construída? Que podemos facer a maioría da humanidade para recuperar o control do planeta e das nosas vidas? Só unha cousa: sumar forzas e actuar. Tomarmos conciencia da nosa capacidade colectiva e sermos quen de dicir «basta!».

Acampa pola paz e o dereito a refuxio naceu para traballar nesta dirección: a unidade de acción de organizacións e cidadanía fronte ao desamparo en que os Estados actuais deixan a familias que solicitan un dereito elemental, o dereito a refuxio. Persoas que escapan das consecuencias das políticas agresivas e inhumanas de grandes corporacións.

Polo noso propio interese, debemos responder solidariamente e esixir que se respecten os dereitos humanos en todo o planeta. Se permitimos que se violen os dereitos dos que chaman á nosa porta, o paso seguinte será perder os nosos, como xa está sucedendo.

Neste segundo ano de vida de Acampa pola paz e o dereito a refuxio, queremos afondar nunha cuestión grave, urxente e non recoñecida por ningún Goberno: o dereito a refuxio por cambio climático.

Segundo os informes da ONU, nos próximos trinta anos o número de persoas que van necesitar refuxio por cambio climático pode oscilar entre 250 e 1000 millóns. A maioría serán desprazados no seu propio territorio e uns poucos, os que teñan máis recursos, poderán intentar cambiar de país.

Podemos pechar os ollos ou tomar a iniciativa; podemos facelo agora ou esperar un tempo que pode ser irreversible. Velaí a decisión persoal e colectiva.

A gran maioría de organizacións e persoas que conforman a Rede Acampa actúan día a día sobre o terreo e saben moi ben do que estamos a falar. Con iniciativas como Acampa pola paz e o dereito a refuxio estamos poñendo o noso gran de area, tratando de contrastar a información, buscando e propoñendo alternativas, estamos sumando forzas.

Para darmos o seguinte paso, necesitamos de todas as mans e conciencias.

Acampa 2018

logo_acampa-t_rj
É unha iniciativa cidadá sen fins de lucro integrada por colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos, sindicais, artísticos, de persoas solidarias, de institucións e empresas con responsabilidade social.

logo_acampa-t_rj
Ten como obxectivo a defensa dos dereitos humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio.
Promove a participación e a implicación.

logo_acampa-t_rj
Abre un espazo de encontro para buscar respostas colectivamente.
Profundiza nas causas dos acontecementos, para contrastar a información.

© Pedro Abad

Acampa e un simbólico «campo de persoas refuxiadas» instalado na Coruña do 14 ao 16 de xuño de 2018.

Podemos participar como expresión de compromiso coa paz e o dereito a refuxio nas diferentes actividades que se levarán a cabo no campamento e ao longo do ano.

A Coruña - 14 ao 16 de xuño de 2018

Dereito a refuxio por cambio climático.

Podes consultar aquí todos os eventos, exposicións e actividades de Acampa 2018.

logo_acampa-t_b

É un encontro cidadán activo no que contamos coa participación das persoas protagonistas, das vítimas, ONGs, de xornalistas; proxeccións, fotografía, música, teatro, pallasos…, eventos artísticos de todo tipo.
Tamén visitas guiadas para saber como é un campo de persoas refuxiadas, para entender mellor as verdadeiras causas da guerra.

Quen pode participar?

Acampa facilita a participación cidadá, cada persoa achega a súa enerxía, a súa capacidade e a súa opinión xunto con: ONGs, asociacións, organizacións políticas, sindicatos, institucións, grupos informais, empresas con responsabilidade social, colectivos profesionais, etc.

Como podes participar activamente?

Facendo música, teatro, fotografía, cine, humor, poesía… se tes algunha habilidade coa que queras participar ou se tes algunha idea que propoñer,

NON O DUBIDES, APÚNTATE!

Podes colaborar cunha axuda económica, que será empregada para apoiar os intereses e necesidades das persoas refuxiadas, na conta

ES46 1491 0001 2530 0007 7549

X